Wednesday 01 de May de 2024

A escritora coruñesa Emma Pedreira, gañadora dun Premio Jules Verne de literatura xuvenil, visita mañá o Ágora da man do Festival Primaletras


As persoas usuarias dos clubs de lectura xuvenil na Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña terán ocasión de conversar coa narradora, galardoada con numerosos premios literarios
O novo Festival Primaletras, impulsado a mediados de marzo polo Concello grazas a organización e coordinación das Bibliotecas Municipais, chega mañá ao ecuador da programación nesta primeira edición do certame, coa visita da escritora Emma Pedreira (A Coruña, 1978) ao centro sociocultural Ágora.

Pedreira, filóloga, poeta e narradora, é unha das voces máis recoñecibles da actual poesía galega, enmarcada na coñecida como Xeración dos 90. Ábrese camiño coa obra Diario bautismal dunha anarquista morta, coa que colleitou o premio Johán Carballeira no ano 1999. Foi o comezo dunha longa e premiada traxectoria, tanto no eido da poesía como no da narración: no 2017 gañou o Premio da Crítica da Narrativa Galega por Bibliópatas e Fobólogos; pouco despois, no ano 2018, foi recoñecida co Premio Xerais de Novela por Besta do seu sangue; e, un ano máis tarde, recibiu o Premio Jules Verne de literatura xuvenil pola novela Os corpos invisibles.

Este xoves 21, a partir das 18.30 horas, as persoas usuarias dos clubs de lectura xuvenil da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña terán ocasión de conversar con Emma Pedreira no centro sociocultural Ágora.

Actos polo Día do Libro no contexto do Festival Primaletras
Tamén esta semana, e co gallo da celebración do Día Internacional do Libro que se celebra este sábado, o Batallón Literario liderado por Nelson Quinteiro percorrerá as rúas da cidade entre os días 22 e 23 cun espectáculo de animación musical con parada nas diversas bibliotecas municipais da Coruña para celebrar esta data tan sinalada.

O Festival Primaletras, que concluirá o vindeiro día 21 de maio, tamén achegará á cidadanía a referentes como Miguelanxo Prado, gañador do Premio Nacional de Cómic, ou Xesús Fraga, Premio Nacional de Narrativa 2021.

Haberá tempo, ademais, para coñecer máis en profundidade a figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas 2022. Será a través dunha charla impartida polo recoñecido historiador Ramón Villares, ao que acompañará o artista coruñés Xurxo Souto, cun breve espectáculo de regueifa. Non será o único referente musical que terá protagonismo no Festival Primaletras, que contará coa actuación do grupo folk Luar na Lubre na derradeira sesión de actividades.